Comezamos con palabras: Tanxugueiras

 Comezamos a andaina deste novo blog falando de palabras, recollendo algúns dos termos que desde o portal das palabras nos van suxerindo...

A palabra do ano 2021 foi Tanxugueiras : a música ampliando vocabulario.

Vai rematando un ano máis marcado mundialmente pola pandemia, pero o 2021 tamén trouxo alegrías que moi ben soan. A palabra que simboliza unha delas, tanxugueiras, acaba de se converter na Palabra do Ano 2021, tras se facer coa maioría dos votos das persoas que participaron na elección popular promovida polo Portal das Palabras. A voz máis elixida entre as que chegaron á final do concurso promovido pola páxina web para a difusión do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. Gañou popularidade nos últimos meses da man da banda de Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, un referente dos novos camiños que está a abrir, con grande éxito, a música tradicional galega.

E malia non estar no Dicionario, a palabra que escolleron para chamarse artisticamente ten as raíces ben chantadas no idioma de Galicia: Tanxugueiras é en realidade o plural dun microtopónimo, que elevado á Palabra do Ano se converte tamén nunha icona da gran riqueza da lingua galega como produtora de nomes de lugar que conforman un patrimonio inmaterial único no mundo.

O topónimo Tanxugueira popularizado pola banda musical designa unhas terras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós (Ourense), situadas nun alto e abeiradas. No territorio galego hai outro lugares co mesmo nome nos concellos de Catoira (Pontevedra), Dodro (A Coruña) e, de volta na provincia de Ourense, en Viana do Bolo, como se pode comprobar na aplicación Galicia Nomeada, a plataforma para a recolleita colaborativa da microtoponimia creada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

O vocábulo é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porcos teixos, un tipo de mamífero de vida nocturna que se alimenta de bichocas, landras e plantas coma a do millo, polo que nalgúns lugares de Galicia se tocaba o corno polas noites para espantalo. Esta voz popular remite probablemente ao latín taxo, taxonis, o nome latino que recibía o ‘teixugo’, aínda que podería vir tamén dunha suposta forma xermánica *thahsus ou do gótico *thahsuks.


A pegada da pandemia, do segundo ao cuarto posto

Malia non poder coa ilusión contaxiosa da música, a covid-19 si que deixa pegada no segundo, no terceiro e no cuarto posto da votación, que son para resiliencia, vacinódromo e gromo. Aínda que resiliencia, na acepción da capacidade dos seres humanos para se adaptaren positivamente ás situacións adversas, é unha virtude útil en calquera momento, non hai dúbida de que o impacto na vida cotiá da pandemia fixo que se escoitase máis ca nunca nos últimos tempos este cultismo que bebe do latín resiliens, forma que remite ao verbo resilire ‘saltar cara a atrás’.

En canto a, coada, na acepción referida ao manto de lava en estado líquido emitida por un volcán durante as súas erupcións, quedou en quinto e último lugar despois de moito repetirse nos medios de comunicación e na rúa debido á actividade volcánica que abriu tantos telexornais dende o mes de setembro.

 








Comentarios

Publicacións populares deste blog

Wordle en galego: a xogar!