Palabras en xaneiro: soñar, adormentar...

 Do portal das palabras, sacamos algunhas máis neste mes de xaneiro: 

desenlace, postremeiro/a, adormentar, roncexar, soñar, velar, trasnoitar, ronquido, durmiñón/a



PORTAL DAS PALABRAS (https://portaldaspalabras.gal/lexico/palabra-do-dia/)

PALABRA DO DÍA – ANO 2022

XANEIRO

PALABRA

SIGNIFICADO

ETIMOLOXÍA

EXEMPLO

1

desenlace

Parte final dunha obra de teatro, de cine, de literatura ou dun asunto ou dificultade calquera, en que remata o seu desenvolvemento.

Derivado regresivo do verbo “desenlazar” que na súa formación remite a “lazo” que nos leva á palabra latina laqueu ‘nó’.

“Estrela mantivo a serenidade durante todo o día, coma se este desenlace estivese previsto, o final dunha historia xa escrita.” (Teresa González Costa: Os santos nunca dormen, 2014)

2

postremeiro, -a

Último

Vocábulo derivado sobre “postremo” que chega desde o latín postremus, -a, -um ‘último’ ou ‘final’.

“Os veráns dos anos postremeiros da nenez foron máis veráns que os das outras vidas. Os vosos non? Naquela vida os veráns eran completos.” (Xabier Paz: As vidas de Nito, 2013)

3

adormentar

Facer durmir a alguén

Palabra que procede da frase latina formada por ad ‘a’ e dormiente ‘que dorme’.

“Retornou ao seu provisorio refuxio e ficou adormecido nun estado de desvelo incompleto onde sono e vixilia convivían. Perdeu a noción do tempo incrustado naquel escuro amparo, sentindo só a ondulación do barco que o adormentaba con vigor.” (Román Raña: O crime da rúa da moeda vella, 1993)

4

roncexar

Respirar ruidosamente durante o sono

Termo que xorde por derivación sobre o verbo “roncar” que vén do latín tardío rhonchare de significado semellante.

“No xardín de Brigantia, a pintora de San Roque, o gato Felisiño Trampulleiro estaba deitado no banco de pedra, roncexando.” (Heidi Kühn-Bode: Tres mulleres do seu tempo, 2009)

5

soñar

Ver ou crer ver mentres se dorme sucesos e imaxes irreais coma se fosen reais / Imaxinar que algo, en especial unha cousa agradable é real

Palabra que bebe directamente do latín somniare ‘soñar’.

“E con que soñabas, se se pode saber? "Soñaba con que todas as noites soñaba contigo...".” (Pedro Feijoo: Os fillos do mar, 2012)

6

velar

Quedar esperto durante o tempo que se dedica normalmente a durmir

Termo que nos chega desde o latín vigilare ‘cuidar’, ‘estar esperto’ ou ‘mirar’.

“E o campo floreceu de pavillóns e máquinas de guerra, e a noite ardeu con moitas cacharelas; e os galegos durmiron, agás as sentinelas que puxeran; mais os mouros velaron case todos.” (Darío Xohán Cabana: Morte de Rei, 1996)

7

trasnoitar

Deitarse moi tarde pola noite, ou pasala sen durmir

Vocábulo derivado que se forma sobre “noite” que vén do latín noctem de significado semellante.

“Morro de sono, anxo, non estou afeita a madrugar nin a trasnoitar, que hora é? Unha hora antes da saída do sol.” (Marina Mayoral: O anxo de Eva, 2013)

8

ronquido

Ruído que se fai ao roncar

Vocábulo que se deriva do verbo “roncar” que vén do latín tardío rhonchāre, e este deriva do grego rónchos 'ronquido'.

“Xenaro deu unha volta debaixo das mantas, contivo o ronquido e tentou de espantar o que lle pareceu un pesadelo.” (Carlos G. Reigosa: Tras da corda, 2012)

9

durmiñón, -ona

Que ten tendencia a durmir moito

Palabra que se forma por derivación sobre o verbo “durmir” que procede do latín dormire de significado semellante.

“O Viquingo moveuse, incómodo, na outra cadeira onde se acomodara, fronte por fronte del, logo de retirar do asento algunhas caixas de cedés abertos e un gato durmiñón, que marchou rosmando cando o amo o fixo liscar sen moitos cariños.” (Manuel Portas: Denso recendo a salgado, 2010)

Dinamización da Lingua Galega  -   IES Urbano Lugrís


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Wordle en galego: a xogar!