XORNADA DE XOGOS POPULARES GALEGOS

 

O 14 de xuño o alumnado da ESO do IES Urbano Lugrís puido participar e divertirse con diversos xogos populares galegos. Para elo contamos coa colaboración da  Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT). 

A continuación mostramos algúns deles.

ZANCOS

Tamén coñecido cos nomes de “andas” ou “trécolas”, son dous paus feitos en madeira non moi branda e que teñen uns topes onde se pousan os pés. A altura dos zancos debe sobrepasar os ombros das persoas que xogan, unha vez subidas enriba deles. É un xogo que axuda a ir adquirindo o sentido do equilibrio. Na súa orixe empregábanse para pasar os regatos ou as zonas enchoupadas. Normalmente xógase en terreos amplos, nos que haberá que atravesar un percorrido previamente indicado. Móvense coas mans, acompañando a acción dos brazos e a das pernas, sen perder o equilibrio.
Pódense realizar carreiras individuais, en relevos, desprazándose cara atrás ou atravesando unha serie de obstáculos que se colocan no percorrido.


CARRILANAS

Son uns vehículos de madeira, construídos por quen está a xogar, que normalmente teñen rodamentos que fan de rodas, un guiador, un ou dous eixos e tres ou catro rodas. A actividade a realizar é a de desprazarse enriba delas e realizar un percorrido que se establece de antemán. Para as persoas máis novas pódense facer carreiras en terreos lisos nos que unha empurra e a outra guía, intercambiando as posicións ao rematar o percorrido. Para o resto fanse descensos por camiños costaneiros, dun xeito individual, procurando facelo no menor tempo posible. Son sonados os descensos de carrilanas que cada ano se disputan en Esteiro (Muros) ou en Valdoviño.

 

O PEÓN
 
O peón, tamén chamado trompo, buxaina, bailarete, sevillana… é un xoguete de madeira que leva na súa punta un cravo de ferro (o ferrón) que fai que vire con xeito. Precísase tamén dunha piola, unha corda que se amarra arredor do enredo que fará posible o baile do peón. A parte de arriba chámase “pirucho” e a máis ancha é a “barriga”.
 

ARRASTRAMORTOS
 
Este é un xogo que coñecemos en Portugal (Grupo de Jogos Tradicionais Alfageme Santarém), pero que aló se realizaba arrastrando botellas de plástico que tiñan auga no seu interior; era coñecido como “Corrida de garrafas”. Desde Brinquedia facemos unha adaptación, utilizando outro tipo de material para arrastrar: os “mortos”, que son as balizas suxeitas ao fondo do mar, que se empregan para amarrar as embarcacións mariñas.
O xogo consiste en ir enrolando unha corda que está amarrada a un pau por un lado e polo outro a ese “morto”. Haberá varias persoas xogando e cada unha terá un “morto”, a unha distancia aproximada de 8-10 m. Cando se dea o sinal de partida, irán enrolando a corda que suxeita ese “morto” ata conseguir tela toda amarrada ao pau.
 
 
A CORDA
 
Dentro do extenso abano de variantes que ten este xogo, podemos realizar:
“O reloxo que dá a hora”: os que dan, van dicindo “Unha vez, unha hora” (todo o mundo terá que saltar unha vez e saír). “Dúas veces, dúas horas” (todo o mundo terá que saltar dúas veces e saír). Así seguirán ata saltaren seis veces seguidas.
 “La Reina de los Mares” : as persoas que saltan terán na man un pano, que nun momento do recitado guindarán ao chan e noutro momento o terán que recoller.
“Rei, rei”: xogan tres; dous dan e outro salta. Mentras un está a saltar os dous que teñen que dar cantan: “Rei, rei, cantos anos durarei?. Vintecinco, non o sei. Un, dous, tres, catro,cinco ... O que máis tempo aguante será o gañador.
 

 
TIRO DA CORDA (Turra-Soga)
 

O tiro de corda consiste nunha competición por equipos, cada un deles cun determinado número de xogadores/as.  Os equipos se sitúan fronte con fronte e cunha liña central de por medio.  Cada participante ten asida a corda da que se tira.  A un sinal do que fia de xuíz ,   cada equipo tira para o seu lado, tratando de que o primeiro elemento do equipo contrario traspase a liña central,  momento no que gaña a tirada.
Tamén está a variedade de facer tres liñas  (unha central e dúas paralelas a cada lado da central)  e atar un pano no medio da corda;  despois tiramos ata que o pano traspasa liña paralela do noso equipo.

 

A RA
 
Hai que lanzar os “pellos” (discos pequenos de ferro), dende unha distancia aproximada de tres metros, para introducilos nalgúns dos furados, no muíño ou na ra. Cada xogador/a lanzará 5 pellos e sumará os puntos obtidos; estes aparecen marcados nos compartimentos onde caen os pellos. Antes de empezar acórdanse os puntos aos que vai a partida. Achegaremos ou afastaremos o punto de lanzamento en función das idades dos nenos e nenas.


SETE E MEDIA
 
Márcase no chan un rectángulo dividido en sete casiñas. As persoas que van xogar colócanse aproximadamente a 3 m de distancia das casiñas numeradas cos números 1 e 2.  Cada unha delas lanzará tres obxectos (pellos de ra , moedas ... ) , tentando conseguir de puntuación como máximo sete e media ou o máis aproximado posible, sen pasar da puntuación indicada anteriormente. Cando o obxecto toca nalgunha raia puntúa media.
 

TRES EN RAIA
 
Tamén é coñecido co nome de “Leiriñas”. Márcase un cadrado no chan, dividido en nove espazos iguais. Xógase en parellas e cada persoa que participa terá tres obxectos diferentes (sementes, pedras ...). Bótase a sortes para ver quen comeza. O primeiro dos movementos consiste en colocar un obxecto no espazo central. Despois, alternativamente irán colocando os outros obxectos onde se desexe, tratando de conseguir situar tres obxectos en liña recta ou diagonal. Como variante, os xogadores ou xogadoras poderán colocar o primeiro obxecto en calquera dos espazos marcados.
 

TIRAPEDRAS, TIRACOIOS
 
O tirapedras constrúese cunha póliña en forma de “Y” dunha madeira suficientemente flexible. Nas puntas do “Y” lábranse coa navalla cadanseu suco, arredor dos cales se atará unha goma polos seus dous extremos. Esta goma estará reforzada, no seu punto medio, cunha sola ou un material máis resistente (un pequeno anaquiño dun pneumático, por exemplo) no que se apoiará a pedra, no momento do disparar, facendo estarricar a goma e, unha vez soltada a pedra, saíndo esta con toda a súa forza.
 

 
TIRO Ó PRATO
 
 
MÁIS XOGOS
 
 

(Fonte texto: Brinquedia REDE GALEGA DO XOGO TRADIONAL)

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Wordle en galego: a xogar!