Organizado polo EDLG, o día 9 de maio o alumnado de 4ª da ESO e de 1º do ciclo superior Mantemento Electrónico participaron desta actividade na que recorremos o tramo do Camiño de Santiago que vai de Palas de Rei a Melide, unha camiñata duns 15 Km.
O camiño vai recollido pola frondosidade dos bosques e aberto á sorpresa dos seus monumentos, coma o castelo de Pambre ou o centro histórico de Melide. Estamos na comarca da Ulloa, inmortalizada pola escritora Emilia Pardo Bazán na súa soada novela Los pazos de Ulloa (1886).
O Camiño Francés abandona Palas de Rei polo Campo dos Romeiros, tradicional lugar de encontro de peregrinos.
Cruza a estrada xeral ata entrar nun camiño que conduce ata O Carballal e logo a San Xiao do Camiño, bonita vila cunha igrexa e un cruceiro de interese.
Tras unha serie de baixadas e subidas chégase ata A Ponte Campaña e, posteriormente, a Casanova.
Séguese o camiño ata cambiar de provincia. Lugo queda atrás e entramos na Coruña polo Coto, para ir baixando ata O Leboreiro.
Continúa o sendeiro cruzando pequenas aldeas e unha zona industrial, á beira da estrada xeral, antes de volver internarse no bosque, para chegar á ponte medieval de Furelos, pola que se chega a Melide, unha das xoias da arquitectura civil do Camiño Francés.
Agradecementos:
- - A todo o alumnado pola súa participación e colaboración no desenvolvemento da actividade.
- - A Roberto pola organización do roteiro
- - A Xulia e a Guillermo polo acompañamento
- - A directora África polo seu apoio ao EDLG.
Comentarios
Publicar un comentario